25 oct 2009






Coidado coas Caixas!
XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA
Galicia Hoxe, 25.10.2009
(Foto Man Ray)


Que queren que eu lles diga, teño certo medo da evolución que está a adoptar a cuestión da fusión das Caixas. Despois de albiscarmos un certo consenso social respecto da fusión de Caixagalicia e Caixanova, propostas como a do Círculo de Empresarios-Clube Financeiro de Vigo semellan retomar, canda outras informacións que de esguello saíron na prensa galega nestas últimas semanas, o vello proxecto de que as Caixas galegas vincularan a súa andaina empresarial a outras Caixas de fóra da Galiza.
Porque, saiban ben, o do Fondo de Reestruturación e Ordenamento Bancario (FROB) non lles é ningunha andrómena. Coa axuda dos cartos deste Fondo, o Goberno central e mais o Banco de España han reestruturar, si ou si, o mapa das Caixas ao nivel estatal. E das 44 existentes arestora han ficar en pé 14 ou 16. Saiban, tamén, que a meirande parte dos cadros dirixentes do PP e do PSOE estatais cren en entidades resultantes de fusións interautonómicas, que sexan quén de fuxir da regulación dos gobernos territoriais e vaian, de paseniño, reconducindo o mapa das Caixas de Aforro a entidades bancarias "normais", iso si, con sede en Madrid.
Todos somos conscientes de que unha fusión das Caixas galegas pode xerar, nos primeiros intres, unha certa perda de emprego e de competitividade canto ao pagamento do pasivo e á oferta competitiva do crédito. Mais estes efectos van ser, en grande ou moi ampla medida, neutralizados polos cartos do devandito FROB. Pola contra, de non se planificar de xeito matinado, rigoroso e inmediato esta fusión galega, podémonos atopar coas nosas entidades crediticias fóra do xogo, obxectivos inertes á mercé de calquera entidade financeira con músculo financeiro e institucional abondo para tirar as nasas.
Para o noso País, a nosa Galicia, sería un desastre perder a sede, a dirección empresarial, a vocación da obra social e cultural e, en último de contas, a galeguidade de calquera das nosas dúas Caixas. Os galegos e galegas sabémolo. E aquel Goberno, partido, organización ou grupo social que permita frivolidades neste eido pódese atopar coa reacción sen dúbidas dunha sociedade tranquila e europea, mais que tirou xa de si a pasividade e o individualismo coas que nos alcumaban no século pasado.