25 oct 2008


Lume e barro, de Bieito Iglesias (23-10-08)

Amorte outoniza levou a Paul Newman sen armar moito barullo, cun mole ruxido da follateira caída e non co estronicio das balas que conxelan a súa imaxe (e a de Redford) contra o final de Dous homes e un destino. De tódolos seus papeis, lembro atalora o de pirómano que lle apuñan n´O longo e cálido verán. Porque os incendiarios de pendellos, cortes e palleiras non só pervagaban polo fosco Sul dos EEUU descrito por Faulkner, filmado por Ritt e representado por Newman; tamén na ruralía nosa houbo e hai individuos fascinados pola labareda (Certo é que, nos dous últimos anos, se viron chafados polas rogativas do Conselleiro Suárez Canal, propiciadoras de trepas de auga nos meses estivais).
Unha vez que ía cara a casa dos avós, calcando unha corredoira enlamada na que atuaba pernas e caxatas, recibín a axuda dun viandante atabanado que repetía esta absurda ladaíña: "Máquinas de coser, navallas de afeitar, máquinas de coser, navallas de afeitar..." Aínda que deseguida ensinou boas intencións e loitaba por soerguerme da lama, eu ben vía que estaba algo afumado polo cheiro a viño e porque, cando quería riparme da lagorza que me engulía, el propio caía comigo arrebollado naquel barro amasado e repisado polos pesuños das vacas. Tiven medo e vinme perdido para percorrer o escaso quilómetro que nos separaba da aldea.
Despois de lapexar na chapacuña durante interminables minutos, conseguín safarme do bulleiro e do bébedo, alancando apurado cara a casa dos vellos. Eles víronme chegar acorado e tamén avistaron o acompañante, mollado e embarrado coma min, feito un zalapastro. Cando lles preguntei quen era o meu torpe benefactor, contestaron co bico engurrado: "Anda por aí queimando palleiras".
Pasaron moitas lúas antes de eu saber que coñecera a unha personaxe faulkneriana, a un veciño do fantasmal condado (literario) de Yoknapatawpha.