7 nov 2007

Na estación de Ourense…

Quizais me arrepinta despois de escribir isto, pero aí vai. En calquera caso, escusas polo que ten de exhibición impúdica: xa teño falado da función de confesionario do blog e a ela me remito para xustificar estas liñas.
Había moito anos que non andaba en tren nin pisaba as estacións do ferrocarril. Viaxei moito en tren, de novo, sobre todo nos tempos da mili, aquelas longas viaxes, case día e medio, ata Sevilla. Daquela quedei farto dese mundiño e tardei en volver coller o tren. Pero dende hai un mes paso por alí, pola estación da Ponte, todos os domingos para levar á filla que colle o convoi a Compostela, con varios centos de rapaces e rapazas.
E vai a anécdota. Por un par de veces subín coa filla a colocarlle o carro-maleta, bastante pesado. Segundo me contou ela, pouco despois lle preguntaron outros rapaces “se aquel que subira antes era Marcos Valcárcel”, ó que ela lles respondía que si e que era o seu pai. Seica me coñecían polos xornais, dixeron. O pasado domingo, despois de sacar o billete, paráronme dous mozos e, cun portafolios e un bolígrafo, pedíronme un autógrafo. Quedei bastante apampado e o primeiro que pensei é que se trataba dun erro (con quen me confundirán?). Pero non, a cousa ía comigo e xa me coñecían, polos libros, dicían, e polos artigos do xornal, de La Región. Asinei os papeis, reconfortado, non vou mentir nisto. Eran moi noviños, amables, educados, moi espelidos: chamábanse Daniel e Rubén e dixéronme que facían Dereito.
Quedei pensando no suceso, qué menos! En ocasións, dando charlas polos colexios, teño asinado autógrafos: nunha ocasión, nas Xosefinas de Ourense, debín asinar medio cento de exemplares do libriño sobre o Xocas, porque a profesora llo fixera mercar a todas e agardaron encantadas (dicían que lles gustara a charla). Pero isto era diferente. En fin, deixémolo así, a cousa non ten ningunha importancia, a que se lle queira dar, pero tamén é certo que, se te recoñecen pola rúa, dalgún xeito medra o teu grao de responsabilidade social e xa non pode un facer o parvo en público, porque van saber que fuches ti quen o fixo. Esta reflexión vale tamén para a escrita: o que un deixa por escrito, neste país, non deixa de ter a súa relevancia pública. Outra razón máis para ser prudente e pensar as cousas dúas veces antes de lixar o papel.

Acoso no cine.
Pan por Pan mércores 7 novembro
Cando Daphne du Maurier escribiu “Rebeca” non estaba de moda falar de acoso, nas variantes usuais hoxe: acoso moral, escolar, sexual, etc. Tampouco cando fixo Hitchcock a súa maxistral película. Pero a protagonista vive acosada polas lembranzas dunha figura espectral (a Rebeca que mandou en Manderley) e poucas veces se describiu un clima emotivo tan asfixiante. Hai outras dúas marabillas do cine sobre mulleres acosadas: “O coleccionista”, de William Wyler (1965), baseada nunha novela de John Fowles (onde o tema sexual é secundario) e “Luz de gas”, de George Cukor (1939), citada como exemplo de acoso moral nalgunha web de Internet. Aquí é Ingrid Bergman a muller acosada e Charles Boyer o malo malísimo que planifica con detalle a tortura psicolóxica da súa esposa: cantas mulleres desa época se verían daquela reflectidas nestas actrices?