7 oct 2006

Un artigo de Miguel Suárez Abel co que se identificarán moitos profesores

Con mil amores (El Correo gallego 7.10.2006)
¿Que facemos con eles?
Quéixanse moitos docentes, con razón, de que en determinadas aulas, polo seu número de alumnos, é dificilísimo impartir clase. Non é o caso. Nesta de 1º da ESO, os alumnos non chegan a vinte. Non obstante, os profesores mostran o seu desespero desde o comezo. De dezasete, seis teñen un nivel de coñecementos que non superaría un exame rigoroso de 3º de primaria. Un, o máis rebelde, vive nun ambiente familiar rodeado dunha niñada de irmáns, nunha situación económica deplorable, cun pai agresivo e alcohólico e unha nai submisa e mártir. Outro, atolado e impulsivo, con formigas no cu e paxariños na cabeza, lareta canto pola lingua lle pasa sen saber se está nunha aula, nun parque, na cociña da súa casa ou nun monte queimado. Outra, consentida e mimada ata o ridículo, choromica, pinga no moco, escribe cartas cunha ortografía que feriría os ollos de calquera agás os do rapaz que as recibe, namórase cada sete minutos, contesta airada porque ninguén comprende o seu sufrimento e ameaza con se tirar pola fiestra se os seus caprichos non se cumpren. Un máis, tímido, metido e si, melancólico, coa mira nos pés, no dá aberto a boca nin para boquexar, necesita dun guindastre para lle mover un brazo e responde unicamente si ou non despois dunha presión e tenacidade propias de heroes gregos. O penúltimo é duro, esquinado, seco, retorto, contesta e provoca, busca o enfrontamento e ten unha coiraza impenetrable; non se lle coñece pai e a súa nai non a ve porque, para comer, traballa de sol a sol limpando oficinas. A última, nerviosa, axitada, invadida por unha comechón infinita de hormonas, adéstrase para modelo, artista, candidata a Gran Hermano ou Operación Triunfo; seduce, conquista, abandona, somete, planta, chulea ós nenos coma unha profesional; todo con tal de que miren para o seu embigo. Os seis, en clase, lanzan papeis, rin, asubían, cantan, belíscanse, acosan a compañeiros e esnaquizan os nervios do profesor máis temperado.
Diante de tal situación, tres posturas. A dos profesores da man dura: expulsión, expediente, fóra. A dos profesores bondadosos: pobres, que circunstancias, que vidas, necesitan psicólogo, cariño e apoio. E a dos pais dos once alumnos restantes: o meu fillo ten dereito a poder estudar, non pode perde-lo tempo porque seis inadaptados non estean preparados para convivir nunha aula... ¿Que facer? Como en educación, igual ca en fútbol, todos somos expertos, ¿vostedes que proporían?

Sobre a homenaxe a Beiras en Ourense

Máis de 200 persoas no Ateneo de Ourense para escoitar, con entusiasmo, a Xosé M. Beiras. Aínda había máis na cea-homenaxe nos locais de Aixiña, con moitos mozos, de Galiza Nova e independentes. (Un dato para reflexionar, o día anterior houbo un acto público da persoa que hoxe (e sempre) mandou no Bloque a nivel orgánico: con moitísima menor presenza de militantes). Composición moi plural dos públicos arredor de Beiras: profesionais, amigos de Beiras (Buciños, Carlos Martínez, Xaquín Acosta, Paco Constenla, etc.), moita mocidade, militantes do BNG e non militantes. Presenza moi importante de xentes de Esquerda Nacionalista, de Unidade Galega, do antigo PSG, etc. Presenza destacadísima de militantes e cadros da CIG e de colectivos ecoloxistas e outros. “Chapeau” para os organizadores (Secundino, Lito, Henrique) pola súa capacidade de comunicación coas xentes e de convocatoria. Ausencia radical de cargos institucionais do BNG (nin o primeiro). Asiste o candidato ás municipais da cidade, Alexandre Sánchez Vidal, antigo beirista, nun xesto que lle honra (xa sabía que ía escoitar cousas un chisco incómodas: eu falei con plena liberdade e creo que non dixen ningunha mentira). Entusiasmo e aplausos sentidos no foro do Ateneo.

Tocoume facer a presentación, xa saben, e prepareina ben: un longo discurso, case 8 folios, arredor de tres datas históricas: 1936, 1963, 1982, con Beiras na cerna das miñas palabras, por suposto. Tentarei difundilo por esta vía (blog) ou por outra que me ofrezan. Gustou moito ós asistentes (toda a noite estiven recibindo felicitacións) e tamén a Beiras e a Aurichu, de corazón. Simplemente dixen o que moitos nacionalistas querían escoitar e ninguén se atreveu a dicir en público nos últimos meses: fíxeno eu porque estou libre de obediencias e podo falar con plena independencia e liberdade. Rematei pedindo a xustiza histórica coa figura de Beiras que lle foi negada. E facendo un canto á irmandade e fraternidade solidaria dos vellos galeguistas, a que amosou Bóveda cando defendeu a Filgueira Valverde ó fundar este a Dereita Galeguista: “onde estea Filgueira estade seguros que estará un obreiro da causa galega”. Palabras que o nacionalismo debe recuperar: fraternidade, irmandade.

Beiras deu un discurso impecable sobre o nacionalismo no momento actual e as estratexias arredor da negociación do Estatuto de Autonomía. Moi crítico coas tácticas que se están a levar, co mimetismo arredor do Estatuto catalán, co rexeitamento a impugnar o límite constitucional. Explicou a inserción dos poderes na autonomía e a necesidade de impulsar un cambio “cualitativo” (non cuantitativo, “o problema non son as competencias”, dixo) no novo Estatuto: cambio xurídico que recoñeza o pobo galego como suxeito político do poder, como figura na Constitución ó respecto do pobo español. Se iso non se pode facer, o nacionalismo quedaría negado e deslexitimado no futuro aprobando un Estatuto de segunda división. Críticas a unha autonomía cun Poder Xudicial que vai por libre e depende do Estado central, cando debería estar incardinado nas institucións autonómicas; que non foi quen aínda de organizar a súa propia estrutura territorial (concellos e deputacións) de xeito realmente autónomo. Un discurso discutible, como todo, pero no nivel intelectual eficaz, case académico, contundente.

Beiras estaba conmovido e agradecido: non foi pose, estiven na súa cea ó seu carón e falamos de moitas, moitas cousas. Necesitaba este xesto e alégrome que se fixera en Ourense. Estou seguro que noutro lugar calquera de Galicia tería a mesma repercusión e apoio social. O nacionalismo está vivo: demostrouse esta noite, coas gañas que teñen moitos militantes de recoller un alento de esperanza e de ilusión.
Beiras percorreu todas as mesas (“como nas vodas”, díxenlle) saudando os amigos e amigas e sen parar de facer fotos. Os mozos trouxéronlle algún agasallo. Cantouse espontaneamente a Internacional e o Himno Galego e houbo os berros habituais “Galicia ceibe, poder popular” e tamén “Independencia”.
O Beiras falou tamén ó remate da cea: cinco ou dez minutos, aparentemente improvisados (levábao todo moi ben pensado), pero cunha elegancia de estilo e claridade de significados maior que nunca. Devolveu os aplausos ós asistentes para dicirlles que eles eran os homenaxeados, por estar aí e ser quen de traballar tantos anos no futuro do país. Afirmou que el estivo sempre a disposición da xente e que tivo moitas oportunidades, se el quixer, de ser presidente da Xunta de Galicia, xa nos inicios da transición: só tiña que buscar o cabalo axeitado; pero non se trataba diso, tratábase de que a xente quixese cambiar as cousas e el só sería presidente da Xunta se era en nome desa xente que loitaba con el todos os días.
Enlazou co meu fío da presentación para reclamar esa fraternidade necesaria dentro do nacionalismo. E engadiu que está aí, con moita máis xente, e que loitará por volver a un novo equilibrio do Bloque que reoriente a súa dirección e a súa estratexia (hoxe sábado había unha xuntanza en Santiago dos beiristas, baixo o nome “Encontro Irmandiño”, independente da “Alternativa” que propugnan EN e UG). Quizais se encontre no camiño con outras persoas e colectivos que van nesa liña: iso depende dos militantes e dos debates que veñen. Pero el está con folgos para ese debate e saíu de Ourense cargado de enerxías, co apoio e a calor de varios centos de nacionalistas que non queren que sexa negado nin borrado da historia deste país.
(Imaxe: Caricatura de Beiras por Pinto-Chinto, do libro da Segunda Bienal de Caricatura de Ourense, 1994).
NOTA 1: podedes escoitar a conferencia completa (arredor dunha hora) e a miña presentación (media hora máis) en (http://alter-galiza.agal-gz.org), grazas ó labor do amigo Vítor M. Lourenço que está a salvagardar importantes documentos sonoros do noso país.
NOTA 2: en La Región de hoxe publícase unha entrevista de Laura Grandal con Beiras, na que fala con claridade diáfana do que está a pasar no BNG.
NOTA 3: Información en Galicia Hoxe sobre a homenaxe a Beiras en Ourense e a presentación da Alternativa en Compostela.
NOTA 4: Baixar ou ler o texto de homenaxe en formato .pdf